Programa
Día 1
ceip de merza
Banda Artística de Merza & Solistas
Fundada no ano 1828, a Banda Artística de Merza é a agrupación popular máis antiga de Galicia. A Banda Artística de Merza ten actuado por toda a xeografía galega levando a súa música a grandes auditorios (Auditorio de Galicia, Palacio da Ópera, Auditorio Municipal de Ourense, Pazo da Cultura…) e tamén en Asturias (Teatro Filarmónico de Oviedo), Valencia (Palau de la Música), Cantabria, Cataluña, Madrid (Teatros del Canal). Así como en Portugal (Casa da Música en Oporto) e Italia, sen esquecer as xiras realizadas por Venezuela nos anos 1982 e 1992, e por Arxentina no ano 2000. Así mesmo no ano 2009 participa no W.M.C. (World Music Contest) de Kerkrade sendo a primeira banda galega que concursa en tan prestixioso certame. Hoxe en día a Banda Artística de Merza conta con numerosos premios nacionais e internacionais e está considerada unha das mellores e máis atractivas bandas de música da Comunidade Autónoma Galega e dende febreiro de 2026 está dirixida polo mestre Miguel Dopazo. Nesta edición. actuará como solista Juán San Juán (Trombón).
Día 2
Día 3
CEIP de MERZA
Galaico Brass Ensemble & Guadi Galego e Rosa Cedrón
Galaico Brass Ensemble está formado por músicos pertencentes á case bicentenaria Banda Artística de Merza e por outro lado profesores e colaboradores do Galaico Brass Festival. Guadi Galego é unha das creadoras máis singulares, innovadoras e influentes da música galega contemporánea. Compositora, intérprete e produtora, leva máis de dúas décadas construíndo unha obra propia que destaca pola súa capacidade para conectar tradición e modernidade, emoción e experimentación, identidade local e vocación universal. A súa carreira comeza en 1997 como integrante de Berrogüetto, formación de referencia da música de raíz europea coa que grava Viaxe por Urticaria (1999), Hepta (2001) e 10.0 (2006), discos recoñecidos con numerosos premios e distincións internacionais, entre eles o galardón ao Mellor Grupo Folk Europeo e unha candidatura aos Latin Grammy. Paralelamente desenvolve proxectos fundamentais para comprender a súa evolución artística, como Espido, xunto a Guillerme Fernández; Nordestin@s, con Abe Rábade e Ugia Pedreira; ou aCadaCanto, compartido con Guillerme Fernández, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero. Estas experiencias consolidan unha creadora que entende a música como un espazo de investigación, diálogo e liberdade artística. En 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón, distinguido co Premio Opinión ao Mellor Disco Galego do Ano. A este traballo seguirían Lúas de outubro e agosto (2014), O mundo está parado (2016) —co que obtén o Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de Autor—, o EP Bóla de cristal (2018), Immersion (2019), Costuras(2020), Roibén (2022) e Pélago: Cuentos Oníricos, unha obra intimista coa que pecha unha etapa creativa. Ao longo deste percorrido, Guadi Galego consolidou unha voz autoral única dentro da música peninsular. A súa obra caracterízase pola procura constante de novas sonoridades e pola vontade de ampliar os límites da canción galega, creando paisaxes sonoras nas que o persoal se transforma en colectivo e o íntimo acada dimensión universal. A súa música é tamén un espazo de encontro. As súas colaboracións con artistas de diferentes xeracións e procedencias enriquecen unha obra en constante evolución. Esta vocación dialogante acada unha das súas expresións máis ambiciosas en Immersion, un proxecto plurilingüe no que revisita o seu repertorio acompañada por voces como Iván Ferreiro, Vega, Andrés Suárez, Xabier Díaz ou Ana Bacalhau, entre outras, tecendo pontes entre linguas, culturas e sensibilidades. A súa traxectoria foi recoñecida con numerosos galardóns, entre eles o Premio Martín Códax da Música, o Premio da Crítica Galicia, o Premio Rebulir da Cultura Galega ou o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado por Immersion, que reforzan o seu papel como unha das figuras clave da música galega actual. Máis alá dos discos, a súa proposta cobra unha forza especial no directo, onde a emoción e a experimentación conviven nunha experiencia escénica coidada ao detalle. Espectáculos como Síntese Horizonte confirman o seu compromiso cunha creación viva, en constante transformación. Excepcional, inquieta e profundamente honesta, Guadi Galego é hoxe unha das voces máis necesarias e inspiradoras do panorama musical galego.Rosa Cedrón é unha das voces máis recoñecibles e persoais da música galega contemporánea. Cantante, violonchelista e compositora, ao longo de máis de tres décadas levou a música galega por escenarios de todo o mundo, combinando a forza da tradición coa sensibilidade dunha intérprete profundamente emocional. Formada no ámbito clásico, iniciou a súa carreira como violonchelista antes de dar o salto definitivo á voz. A súa incorporación a Luar na Lubre marcou un punto de inflexión na súa traxectoria, participando nalgúns dos traballos máis emblemáticos da formación e contribuíndo á proxección internacional da música galega. O seu talento chamou tamén a atención de Mike Oldfield, con quen colaborou na gravación de Tubular Bells III. En 2005 inicia a súa carreira en solitario coa publicación en 2007 de Entre dous mares, á que seguirán Nada que perder (2016) e Nómade (2021), consolidando un universo artístico propio no que a raíz galega dialoga coa música clásica, a world music e a creación contemporánea. Ao longo destes anos colaborou en proxectos e concertos con infinidade de artistas tanto nacionais como internacionais. En 2024 é nomeada académica de número da sección de música da Real Academia Galega de Belas Artes, institución de referencia no ámbito das artes en Galicia. Na actualidade, Rosa Cedrón continúa desenvolvendo novos proxectos artísticos, mantendo intacta a súa capacidade para emocionar ao público e reafirmándose como unha das figuras máis singulares e admiradas da música galega do século XXI.
Día 4
CEIP de Merza
Galaico Brass Quintet
O Galaico Brass Quintet é un quinteto de metais formado por músicos con ampla experiencia artística e pedagóxica, unido polo obxectivo de divulgar a música para metais e achegar este repertorio a públicos diversos. O grupo destaca pola súa versatilidade interpretativa, combinando obras clásicas, música contemporánea, arranxos de bandas sonoras, música popular e repertorio tradicional galego. A formación está integrada por intérpretes procedentes de Galicia, o que lle confire unha identidade cultural propia. Ao longo da súa traxectoria participou en concertos, festivais e actividades didácticas, promovendo a música de cámara para instrumentos de vento-metal e contribuíndo á difusión da cultura musical galega. O quinteto mantén unha estreita relación co Galaico Brass Festival, un dos encontros internacionais de metais máis importantes da Península Ibérica, que reúne cada ano a estudantes, profesorado e artistas de prestixio internacional. Este vínculo reforza o compromiso do grupo coa formación musical e coa proxección internacional do talento galego. Na súa actividade artística, o Galaico Brass Quintet procura ofrecer concertos dinámicos e accesibles, explorando diferentes estilos musicais e mostrando as posibilidades expresivas do quinteto de metais.
Día 5
CEIP de Merza
Banda de Música Municipal De Santiago de Compostela & SOLISTAS
A Banda de Música Municipal de Santiago de Compostela é unha das institucións musicais mais senlleiras de Galicia. Foi fundada en 1848 como unha agrupación musical ao abeiro do hospicio, ata que en 1876, en mans do Concello, comeza o proceso progresivo de profesionalización. Na actualidade é un servizo artístico e musical con grande presenza e importancia na vida cultural da cidade de Compostela. A súa actividade céntrase na programación de concertos sinfónicos semanais de temporada (Auditorio de Galicia, Teatro Principal e Praza de Praterías), que se combinan con proxectos pedagóxicos e sociais, e colaboracións artísticas con diferentes institucións, organismos e asociacións, así como os actos protocolarios e institucionais da cidade. Fóra da cidade tamén ten unha participación moi activa en outros proxectos artísticos e festivais musicais de relevancia no territorio galego. Na súa programación ten cabida toda índole de repertorios, dende a tradición das transcricións ou do repertorio histórico para banda, así como a música orixinal ou o contacto con outros xéneros e estilos. Destaca neste punto o compromiso co patrimonio musical galego, dando unha divulgación activa ó repertorio clásico galego, co obxectivo de ofrecer unha nova vida ás composicións mais históricas, e tamén programando con asiduidade estreas absolutas e obras mais contemporáneas. Nesta ocasión oso solistas que acompañará serán Alfonso González, Berthold Stecher, Achilles Liarmakopoulos e Perry Hoogendijk